Monday 29 de April de 2024

Juani Ruiz, cooperante sanitaria detida ilegalmente por Israel, visita o Concello de Oleiros


Juani Ruiz, cooperante española en Palestina e detida ilegalmente por Israel, foi recibida esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, Ángel García Seoane. Ademais de agradecer o apoio prestado polo Goberno municipal de Oleiros pola campaña realizada na súa defensa, no encontro falouse sobre a experiencia que sufriu no cárcere israelí e a actual situación que se vive en Palestina.

Juana Ruiz Sánchez é unha cidadá española residente en Palestina desde hai máis de 35 anos que traballa como coordinadora de proxectos na organización sanitaria Health World Committees. En abril do 2021 foi detida ilegalmente e encarcerada polo Estado Israelí sen ningún cargo concreto, pasando 10 meses en prisión.

Juana traballa na organización sanitaria Health Work Committees (HWC), que realizou decenas de proxectos sanitarios e sociais. Son actividades como levar a prevención sanitaria ás aldeas de Cisxordania, vacinar as crianzas de Xerusalén Este, levar a saúde prenatal e natal ás mulleres de Cisxordania, realizar campañas de información e formación en innumerables cuestións relacionadas coa saúde, cos hábitos sanitarios ou coa prevención das enfermidades máis comúns na zona, atender gratuitamente o 40% dos seus pacientes nas 14 clínicas que ten a HWC polo territorio baixo a Autoridade Palestina e outras actividades polo estilo que, dificilmente, poderían considerarse sospeitosas de constituír ningunha clase de delito.